|
Skontra formouse no verán de 2001 na cidade de Xixón, sendo a súa primeira formación a composta por Berto, Gonza e Mariño. Tras dar algúns concertos, moitos deles na provincia de León, en outubro de 2002 o grupo decídese a realizar a súa primeira maqueta caseira, autotitulada Skontra. A maqueta consta de doce temas, tres deles instrumentais onde se mesturan composicións punk coa gaita asturiana. Nas demais cancións, catro en asturiano e cinco en español a gaita apenas aparece. Xunto ao emprego da gaita e o asturiano, sorprende a combinación de dúas voces, unha masculina (Berto) e outra feminina (Pitxe).
En 2004 Skontra é o grupo encargado de abrir o disco Rock'n'llingua, onde se presentan seis grupos noveis de rock en asturiano. A banda presenta neste recompilatorio unha notable evolución desde a súa primeira gravación, presentando o ska Burgués e Unidá, un tema de ritmo punk cunha longa introdución protagonizada pola gaita, que inclúe unha muliñeira.
Ese mesmo ano, o grupo é invitado a participar na novena edición do festival Derrame Rock. No disco recompilatorio da cita, aparece o tema Gaiteru rudeboy de Skontra.
En xaneiro de 2005, Skontra comeza por fin a gravación do seu primeiro álbum de estudo, Semeya de la rabia, que a banda decide producir e xestionar por si mesma. As sesións danse por rematadas en febreiro, pero diversos problemas e cambios van atrasando a finalización do traballo, ata o punto de que esta non se produce definitivamente ata xaneiro de 2006. A data de lanzamento sitúase para o 15 de marzo, pero a mala sorte segue perseguindo ao grupo, así que novos problemas atrasan a saída ata o 21 de abril.
En Semeya de la rabia apréciase de novo unha evolución no son de Skontra. A gaita aparece por fin totalmente integrada nas cancións (e ocasionalmente úsase a frauta), as letras (seis en asturiano e catro en castelán) alcanzan maior madurez e o son en xeral mostra unha seriedade que quizais antes se botaba en falta.
|